O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, mantivo por videoconferencia unha nova reunión de seguimento con representantes do ocio nocturno para avaliar a aplicación do protocolo de medidas preventivas ante a covid-19, en vigor desde o 1 de xullo, cando volveron abrir estes establecementos.
Rueda puxo en valor que o sector está cumprindo de forma maioritaria as medidas preventivas, agás algunhas excepcións. Destacou o esforzo que están facendo os locais para implementar as recomendacións de seguridade, así como a súa vontade de cumprimento. Neste sentido, o propio sector pediu que se intensifiquen aínda máis os controis e sancións aos incumpridores.
Ademais recordou que a Policía Autonómica ten en marcha, desde finais do mes de xuño, un Plan de actuación específico destinado á inspección e control das medidas fronte á covid-19. Un dos aspectos que se inclúen dentro deste Plan especial de vixilancia é o control do ámbito do ocio nocturno, especialmente durante os festivos e as fins de semana. En próximas datas haberá novas reunións co sector para seguir avaliando o cumprimento das medidas.