O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, mantivo unha reunión con representantes da Federación de Empresarios de Asociacións de Perruquería e Estética de Galicia (Fepega), encabezados polo seu presidente, Jesús Saiz.
Na xuntanza informouse das diferentes ferramentas que a Administración autonómica pon ao dispor destes negocios, en eidos como a eficiencia enerxética, a dixitalización ou a formación. Do mesmo xeito, exploráronse novas vías de colaboración para seguir cooperando na reactivación do sector, que contribúe á creación de emprego e de riqueza en Galicia.
O vicepresidente primeiro tivo a oportunidade de escoitar as suxestións e propostas dos representantes dos empresarios de perruquería e estética, entre as que se atopan a redución do IVE, unha demanda na que contan co apoio do Goberno galego.