A Xunta avalía coa hostalería a evolución da covid e as liñas a seguir


O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avaliaron cos representantes dos hostaleiros galegos a evolución da incidencia da covid-19 e incidiron na importancia de cumprir as normas para poder manter as restricións no nivel actual sen ter que endurecelas. Mantense a obrigatoriedade de amosar o certificado covid -tanto de vacinación como de recuperación da enfermidade ou proba negativa- nos locais de ocio nocturno e nos restaurantes durante todo o seu horario de apertura e nos bares e cafetarías desde as 21,00 horas, así como o límite de 8 persoas por mesa no interior dos locais e de 15 nas terrazas. Todos fixeron un chamamento a que os profesionais do sector e os clientes respecten as normas para poder manter a situación actual. Ademais, Rueda sinalou que se intensificará a labor policial e os controis levados a cabo polos inspectores da Consellería de Sanidade sancionando os incumprimentos rexistrados.