A Xunta avalía con Cogami o servizo de atención á muller con discapacidade


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo un encontro co presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), Anxo Queiruga, no que avaliaron, entre outros asuntos, o servizo de atención especializada á muller con discapacidade que presta a entidade.

Cogami con este servizo busca dar resposta ás necesidades específicas das mulleres con discapacidade e loitar contra a dobre discriminación que sofren. Así, préstase información, orientación e asesoramento e lévanse a cabo intervencións coa persoa e a súa familia. López Abella reafirmou o compromiso da Xunta para impulsar a igualdade entre as mulleres con discapacidade apoiando a súa plena inclusión na sociedade e lembrou que a Xunta mantén con Cogami diversas liñas de colaboración. Entre 2009 e 2020, a Secretaría Xeral da Igualdade apoiou o seu labor con máis de 420.000 euros.