A Xunta avanza axudas directas de 7.000 euros para os hostaleiros galegos

Hostaleiro_Xunta de Galicia

  • As axudas irán en función do número de empregados e do tempo de peche do local

A Xunta de Galicia lanzará unha liña de axudas directas para os hostaleiros galegos que tiveron ou teñen que pechar os seus establecementos por culpa das novas restricións sanitarias. Estas axudas irán en función do número de empregados e do tempo de peche do local.

Así o anunciou nunha rolda de prensa despois do Consello da Xunta o presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, quen ademais explicou que o abano destas axudas oscila entre os “2.200 euros no caso dun autónomo cun bar ou cafetería sen empregados” e máis de 7.000 euros no caso dun autónomo que teña empregados no seu local.

En concreto, as axudas ás que poden optar os establecementos da hostalería serían de 1.200 euros como complemento á prestación por cese de actividade do Estado, aos que se lle sumarían 4.000 euros máis en caso de ter empregados, ter estado en ERTE ou sufrir unha baixada na súa facturación de máis do 50% con respecto ao mesmo período do ano anterior. Ademais, estes autonómos poderán contar con 1.000 euros máis por cada mes que tiveron os establecementos pechados.

O titular do Goberno galego incidiu en que estas axudas son “adicionais á bonificación do 100% da Seguridade Social e ao pago do 70% do salario”, e volveu a lembrar que o peche da hostalería do mes de novembro automaticamente vai producir outra vez o dereito a ERTE.

Ante os peches aprobados xa en varias comunidades e a posibilidade de que outros territorios o fagan nos próximos días, Feijóo pediulle ao Goberno central que “valore a posibilidade de reducir o IVE do sector turístico ao 4% durante o tempo que dure a pandemia”. Ademais, solicitoulle a todos os concellos de Galicia que bonifiquen ou eximan dos tributos e das taxas ao sector da hostalería durante este ano 2020.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha