A Xunta avanza na creación de solo industrial no Concello de Coristanco

Foto_ Xoán Crespo

Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao alcalde do municipio, Juan Carlos García.

A conselleira lembroulle ao alcalde que o pasado mes de xullo o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) adxudicou a redacción do proxecto de interese autonómico (PIA) por máis de 70.000 euros e un prazo de execución de 9 meses.

O parque empresarial de Coristanco está incluído no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia, cunha superficie total de 175.000 metros cadrados, que se desenvolverán en diversas fases, a primeira delas, cunha superficie de ao redor de 50.000 metros cadrados.

Durante a xuntanza, tamén avaliaron o proxecto de humanización das contornas de Agualada e da praza de San Roque. A proposta presentada polo Concello incide na unificación de espazos e na mellora na implantación do medio, resolvendo ou mellorando as deficiencias urbanísticas existentes.

A conselleira trasladoulle ao rexedor a posibilidade de enmarcar este proxecto no plan Hurbe, un programa que este ano conta cun orzamento reservado de 7 millóns de euros e que o Goberno galego promove desde hai máis dunha década para axudar ás administracións locais a executar este tipo de proxectos.

A maiores, no encontro tamén abordaron o proxecto para dotar o concello dun punto limpo fixo e a necesidade de que concorra á próxima convocatoria de axudas prevista para este outono.