O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, acompañado da secretaria xeral técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Elena Muñoz, e da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu a Comisión de Coordinación de Policías Locais, na que se informou da implantación do rexistro de policías locais, unha nova aplicación máis áxil e eficaz e que recolle os datos actualizados de todos os corpos policiais que operan nos concellos galegos.
No encontro deuse conta dos procesos selectivos para a incorporación dos axentes aos corpos policiais tanto o ano pasado como no que vai deste 2022 a través das oposicións unificadas e centralizadas desde a Xunta a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) para a selección e formación de persoal de Policía Local, vixiantes municipais, e auxiliares de Policía Local.
Na Academia están a formarse actualmente 123 alumnos da 14ª promoción de Policía Local. En canto aos procesos selectivos deste ano, cubriranse 69 prazas de Policía Local nunha vintena de municipios e outras 129 de auxiliares noutra trintena.
Ademais propuxéronse os distintivos para os axentes que levan máis de 25 ano nos corpos policiais dos concellos.
A Comisión de Coordinación de Policías Locais é un órgano consultivo formado por representantes da Xunta, dos concellos e das asociacións e sindicatos dos corpos das policías locais.