A Xunta avoga por un desenvolvemento do sector eólico planificado


O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, defendeu no Parlamento galego o modelo eólico da Xunta de Galicia que, segundo dixo, se basea na planificación, é garantista desde o punto de vista ambiental e busca un impacto positivo no tecido produtivo.

Conde compareceu a petición propia para explicar a situación e perspectivas de desenvolvemento do eólico en Galicia e salientou, así,  que a Administración autonómica está actuando desde o equilibrio, a transparencia e de acordo ao plan sectorial eólico.

Segundo apuntou, neste momento Galicia ten en diferentes estadios de tramitación máis de 6000MW. Deles, engadiu, os proxectos actualmente autorizados ou en obras apenas representan o 15 por cento do total; é dicir, de cada sete parques que hai en proxecto en Galicia, un conta con autorización ou xa está en construción. Nese sentido, afirmou non entender expresións como ‘boom eólico’, posto que en Galicia a decisión de aprobar ou arquivar un parque depende exclusivamente do cumprimento da lexislación vixente. Así, precisou que, dos 77 proxectos (2200,3MW) que obtiveron DIA favorable no fito de xaneiro, xa se está tramitando a autorización de 60 deles.

Conde recalcou que a Administración autonómica busca ofrecer a máxima seguridade xurídica aos promotores e, polo tanto, garantías de que o sector eólico en Galicia se desenvolve conforme á normativa e que só se aproban aqueles proxectos que se axustan á legalidade.