Esta convocatoria de axudas para o presente ano 2022, avanzada no Consello da Xunta, está dirixida ás entidades locais responsables de sistemas de abastecemento, de competencia local, que teñan unha poboación igual ou inferior a 50.000 habitantes.
Serán subvencionables os gastos destinados polos concellos desde o 1 de xaneiro de 2022 á elaboración de auditorías municipais dos seus sistemas de abastecemento en alta e de subministración en baixa para minimizar as perdas de auga, sempre que se refiran a traballos que non estean completamente executados no momento de presentación da solicitude de subvención.
A contía total consignada distribuirase entre os concellos solicitantes de acordo á poboación do municipio, reservándose o 55% do importe a concellos de ata 5.000 habitantes, que son os que teñen maiores dificultades técnicas e financeiras para a correcta xestión dos seus sistemas de abastecemento.
Máis en detalle, do orzamento total, o 30% resérvase aos municipios de menos de 2.000 habitantes, o 25% para os de ata 5.000, o 20% para os de ata 10.000 habitantes, o 15% para os de ata 20.000, e o 10% para os concellos de ata 50.000 habitantes.
O importe dos incentivos será do 80% do investimento subvencionable, establecéndose un límite máximo por solicitude segundo a poboación do municipio. O dito límite oscila entre un máximo de 10.000 €, para os municipios de máis de 20.000 habitantes e ata 50.000 habitantes; e os 6.000 € para os que contan con ata 2.000 veciños. Para o resto dos concellos, fíxase o límite en 7.500 € para os que contan cunha poboación de ata 5.000 habitantes; e 8.000 € para os municipios de ata 10.000 habitantes.
As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva, por orde de presentación e ata o esgotamento do crédito, e son compatibles con outras subvencións que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir de mañá e deberán presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado e dispoñible na sede electrónica da Xunta.