A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo unha nova xuntanza con representantes das federacións de confrarías de pescadores e dos bateeiros co obxectivo de estudar a adecuación e definición das zonas de percebe e mexilla. Un encontro, explicou a titular de Mar, no que a Administración galega e representantes de ambos colectivos estiveron “analizando gran parte da costa e mirando diferentes zonas” que os representantes das federacións de confrarías e das asociacións de bateeiros exporán aos seus socios coa finalidade de tratar de definir definitivamente a vindeira semana as zonas nas que se poderá extraer mexilla ou non.
Esta reunión, na que tamén estiveron as directoras xerais de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, dá continuidade á mantida a semana pasada entre a Consellería do Mar e ambos sectores. Dese encontro saíu a proposta para o momento actual e como solución transitoria de preservar as zonas en discrepancia pola extracción común de mexilla e percebe. Coa vista posta no futuro, a Consellería do Mar e ambos colectivos acordaron tamén nesa xuntanza analizar as diferentes zonas de traballo dos percebeiros e as de maior abundancia de mexilla para avanzar na xestión responsable de ambas especies de xeito conxunto.
Tralo encontro de hoxe, Rosa Quintana pediu aos sectores bateeiro e percebeiro “que teñan a plena confianza de que os seus representantes están intentando buscar uns puntos de acordo no que saian gañando os dous sectores, no que saia gañando, en definitiva, Galicia”. Nesta liña, louvou o traballo que están facendo os presidentes das federacións de confrarías e os das asociacións de bateeiros “por intentar buscar eses puntos de acordo e poder seguir facendo unha explotación sustentable de mexilla e de percebe”.
Ademais a conselleira pediu calma e subliñou “que a inmensa maioría do sector está traballando por ter unha explotación sustentable dos seus recursos”. Neste sentido, tamén solicitou “a esas persoas que están dalgunha maneira dificultando a posibilidade de chegar a acordo que recapaciten e que decidan unirse ao acordo e traballar como sempre traballou Galicia, pois os dous sectores son un único sector”.