A Xunta colabora na adquisición dun vehículo ECO para a Policía Local de Malpica

2 minutes read

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou este luns o concello de Malpica de Bergantiños para comprobar as prestacións do vehículo eco destinado á policía local deste concello e que foi adquirido co apoio da Xunta. O Goberno galego concedeu máis de 30.000 euros para a adquisición deste equipamento no marco das axudas do Fondo de Compensación Ambiental (FCA).

Trátase dun vehículo tipo SUV de cinco prazas, con tecnoloxía híbrida e etiqueta ECO. Segundo explicou Natalia Prieto, quérese así favorecer o aforro enerxético ao tempo que se protexe a contorna natural, xa que a dotación conta cun kit de tomas ambientais para controlar posibles vertidos.

Nesta liña, sinalou que os obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental, dotado con 11,2 millóns de euros este ano e que incrementa o orzamento a 11,4 millóns en 2026, son o impulso á sustentabilidade e á eficiencia enerxética das infraestruturas e equipamentos municipais. Apóstase tamén polas accións dirixidas á conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado, entre outras.

A directora xeral enmarcou o apoio da Xunta a estas actuacións no compromiso coas administracións locais, como entidades máis próximas á cidadanía. Así, lembrou que o Goberno galego abre cada ano diversas liñas específicas para os concellos entre as que están tamén a orde de infraestruturas de uso municipal, o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local e a iniciativa para proxectos municipais de carácter estratéxico. A través do conxunto delas, o concello de Malpica de Bergantiños recibiu nos últimos anos preto de 1,3 millóns de euros.

Ademais, Natalia Prieto salientou a importancia da colaboración entre a Xunta e as entidades locais, xa que o apoio do Goberno galego permitiu no que vai de ano impulsar preto dun milleiro de proxectos, con actuacións en practicamente todos os concellos galegos.