A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente da Fundación dos Ferrocarrís de Galicia e delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asinaron o convenio de colaboración para promocionar o Museo Galego do Ferrocarril, con sede en Monforte de Lemos, cun investimento autonómico de 30.000 €.
O convenio, que foi asinado de xeito telemático, estará vixente ata o vindeiro 31 de decembro e inclúe a financiación de todas as actividades realizadas desde o 1 de xaneiro deste ano.
O obxectivo do convenio é apoiar o mantemento do Museo Galego do Ferrocarril, que alberga un importante patrimonio industrial ferroviario, e a promoción das actividades de exhibición dos seus fondos materiais.
Ademais promoveranse actividades de divulgación do patrimonio que alberga o museo entre a sociedade, xunto co fomento do ferrocarril como modo de transporte sustentable.
O Goberno galego, ademais do impulso das estacións intermodais que está a levar a cabo na comunidade, tamén avoga por preservar elementos tradicionais representativos dos diferentes modos de transporte e, máis concretamente, do transporte ferroviario.
Neste sentido, o citado acordo busca garantir o mantemento do patrimonio do museo cara ao futuro e difundir os beneficios socioeconómicos e medioambientais deste medio de transporte.