A Xunta de Galicia compartiu a experiencia de Sogama coa Asociación para a xestión de residuos en Portugal (Esgra) durante a visita que os vicepresidentes da entidade, Cátia Borges e Carlos de Andrade Botelho, realizaron ao Complexo Medioambiental de Cerceda para coñecer a súa actividade industrial e o ámbito xeográfico no que leva a cabo o seu labor.
Ambos mantiveron unha reunión co presidente de Sogama, Javier Domínguez, quen lles explicou o marco no que se xestou esta empresa pública, a súa permanente evolución ao longo dos seus 30 anos de existencia, os principais fitos da súa traxectoria, así como os proxectos actuais e de futuro, que estarán protagonizados en gran medida pola valorización da materia orgánica mediante a súa transformación en compost, configurando para isto unha rede de infraestruturas.
Esta rede, contempla a construción de 3 novas plantas de biorresiduos, que se sumarán á que xa está operativa en Cerceda, e a adaptación de 13 plantas de transferencia que participarán no proceso transvasando a materia orgánica recollida de forma diferenciada nos municipios a través do contedor marrón. Con isto, a entidade propiciará que a maior parte dos concellos adheridos ao seu sistema -295- dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros.