A Xunta completará a senda peonil e ciclista de Carballo a Coristanco

2 minutes read

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou a licitación por máis de 1 millón de euros das obras do novo itinerario entre Carballo e Coristanco que completa o Plan de sendas da comarca de Bergantiños.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou a contorna da estrada autonómica AC-552 na que se acometerá esta actuación. Na visita tamén participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o de Coristanco, Juan García.

O Concello de Carballo rematou en maio as obras de dotación de servizos urbanos no itinerario peonil e ciclista da AC-552, entre os quilómetros 32,6 e 34,4, que consistiron na instalación de canalizacións de electricidade, telecomunicacións, abastecemento de auga, saneamento e alumeado público en ámbalas marxes da estrada.

A Plataforma de Contratos Públicos vén de publicar a contratación das obras, as empresas teñen ata o vindeiro 26 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

O obxectivo é iniciar os traballos a finais da primavera e telos rematados a principios de 2022, pois contan cun prazo de execución de 8 meses.

Trátase dun novo itinerario de uso compartido, para peóns e ciclistas non deportivos, que permita reforzar e compatibilizar a seguridade viaria de todos os usuarios da estrada, con especial atención aos máis vulnerables.

O itinerario de preto de 2,5 km de lonxitude iniciarase á saída de Carballo e rematará no punto no que comezan as beirarrúas do municipio veciño de Coristanco. Prevense dous treitos, actuando tanto na marxe esquerda da estrada, como polo lado dereito.

Pola marxe esquerda, serán case 1,9 km de nova senda que irán desde a saída de Carballo ata conectar coa beirarrúa existente en Montecelo, xa en Coristanco, continuando a beirarrúa ata o núcleo de Coristanco.

Pola marxe dereita da estrada, habilitarase unha senda ata as inmediacións da fábrica de Calvo, de aproximadamente 600 metros.

Co obxectivo de darlle continuidade ao itinerario sobre o río Grande, executarase unha pequena pasarela adosada ao viaduto existente.

O proxecto tamén prevé traballos de pavimentación, drenaxe de augas pluviais, xunto coa execución dalgúns servizos en previsión de futuras canalizacións de telecomunicacións e alumeado.