A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que a Xunta completará o investimento de 20 millóns de euros que ten comprometido na recuperación da fachada marítima coa construción dun equipamento público ao servizo da cidade en terreos portuarios.
Vázquez Mourelle participou na xuntanza convocada polo presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, para continuar avanzando cara ao acordo para iniciar canto antes a recuperación dos espazos portuarios e poñelos ao servizo dos cidadáns.
Nese encontro, garantiu que a Xunta investirá na fachada marítima da Coruña os 20 millóns de euros que ten comprometidos desde o ano 2018, participando no financiamento da adquisición e urbanización dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo e, ademais, impulsando un equipamento público de interese para os coruñeses.
Concretou que será esta mesma ‘Comisión Porto-Cidade’ o foro que decida sobre o uso e o ámbito concretos desde equipamento público que quere desenvolver a Xunta nos terreos portuarios da Coruña.
Salientou que a recuperación da fachada marítima, asociada ao desenvolvemento do Porto Exterior, leva sobre a mesa desde o ano 2004, un total de 17 anos, polo que cómpre comezar a materializala xa de forma efectiva.