A Xunta comunica un plan de desescalada gradual por concellos na hostalería

Terraza dun bar

A Xunta mantivo unha xuntanza con representantes do sector hostaleiro galego, na que se informou do Plan de desescalada das medidas restritivas postas en marcha nos concellos galegos e que afectan directamente a este sector. O Plan de desescalada inclúe indicadores que permiten a avaliación do risco de transmisión da Covid-19 e facilitan a toma de decisións tanto para o establecemento de medidas de control proporcionais ao nivel de risco, como para o inicio da desescalada das restricións. Teranse tamén en conta tanto criterios epidemiolóxicos como de capacidade asistencial.

Así, segundo sexa situación sanitaria, haberá distintos escenarios. O seguinte escenario ao peche total será unha hostalería aberta 30% no interior e 50% no exterior, con horario ata as 17,00 horas. O seguinte escenario sería co mesmo aforo, pero co horario de apertura ata as 23,00 horas e con agrupación de persoas non convivintes ata un máximo de 6 persoas.

Se a situación mellora, xa no seguinte nivel os aforos aumentarían e o horario tamén, cun 50% no interior e 75% no exterior e con peche ás 23 horas. O Plan tamén inclúe os escenarios cara unha situación de case normalidade, cos establecementos abertos sen restricións de aforo pero con limitación de horario e, finalmente, a normalidade.

Este plan será abordado nunha reunión do Comité Clínico da que deberán saír os criterios hospitalarios e epidemiolóxicos que fixen cando se pode pasar a cada escenario en función das circunstancias de cada concello.