A Xunta concede 62.000 € a Tordoia para a ampliación do seu Punto de Atención á Infancia


A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do alcalde desta localidade, Eduardo Pereiro, visitou o centro que contará con 10 prazas máis, ata chegar a un total de 30.

Con esta ampliación, as instalacións pasarán a contar con tres unidades de atención en lugar de unha como tiñan actualmente e, deste xeito, converterase nunha escola infantil. As obras acometeranse durante os meses de verán e a previsión é que as novas prazas xa estean a disposición das familias a comezos do curso 2023-24.

A Xunta aposta por crear máis recursos de conciliación a disposición das familias e por facelos máis accesibles. Por iso, Galicia converteuse na primeira Comunidade en aplicar a gratuidade de todas as escolas infantís, independentemente da súa titularidade. Unha medida que beneficia a este centro de Tordoia e a outras 30.000 familias de toda Galicia e para a que o Goberno galego destina 55 millóns de euros ao ano.