O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou á Xunta por «vulnerar» os dereitos do aínda deputado Antón Sánchez cando era membro da coalición Alternativa Galega de Esquerda e solicitou información sobre a fusión das caixas galegas e o seu posterior proceso de bancarización, a cal non chegou a recibir desde a súa reclamación en 2013.
A sentenza fai referencia a unha petición que, con posterioridade, en 2018, o parlamentario actualmente do Grupo Común da Esquerda realizou ante o presidente da Cámara, Miguel Santalices, ante o que denomina «ocultación sistemática de información da fusión e posterior privatización». Tal e como sinala a sentenza, a Xunta é «condenada por vulnerar o artigo 23 da Constitución», é dicir, por «obstruir o labor da oposición sistematicamente», en palabras de Antón Sánchez, quen ironizou coa defensa da Carta Magna que «tanto di que fai» o Partido Popular.
A Administración autonómica recoñece que o deputado tiña «á súa disposición a maior parte da documentación que estaba a reclamar», pero non dous informes que reclamara desde 2013 e que, debido a que non foron facilitados, decidiu levar á Xustiza en setembro de 2018.