A Xunta confía en que os maiores de 80 anos estean inmunizados en maio


Intervención do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Alberto Núñez Feijóo, explicou o calendario de vacinación contra o coronavirus que ten fixado a Xunta en función das doses que vaian chegando. Deste xeito, a semana que vén espérase completar a segunda dose en todas as residencias de maiores, agás nas que pola existencia dalgún gromo non fose posible a administración da vacina.

Ademais, a partir do 8 de febreiro comezará a administración da vacina para o persoal sanitario que non atenda directamente pacientes de covid, e antes do 15 de febreiro quedarían vacinados coas dúas doses os 21.000 sanitarios de primeira liña, segundo o presidente.

Será tamén, a partir de mediados de febreiro, cando comece a vacinación dos maiores de 80 anos e dos profesionais e usuarios dos centros de día. Segundo o presidente da Xunta, se continúa o actual ritmo de chegada de vacinas, a principios de maio estaría inmunizada toda a poboación maior desa idade residente en Galicia, que representa o 8,3 por cento do total. Iso, “no escenario máis pesimista”, dixo Núñez Feijóo.