A Xunta confirma que executará a limpeza dos 10 km de vías solicitados polo Concello de Camariñas

O Concello de Camariñas recibiu o visto bo da Xunta de Galicia ao listado enviado con preto de 10 quilómetros (9.923 metros) de vías de titularidade municipal que precisan actuacións de limpeza nas faixas secundarias, un paso importante en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Tras recibir a aceptación da adhesión ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia e a empresa pública SEAGA (período 2026-2029), o goberno local remitiu no mes de marzo á administración autonómica toda a documentación requirida para a xestión da biomasa. Agora, unha vez validada a documentación, desde o Concello agárdase que procedan á execución dos traballos de limpeza durante este mesmo ano, reforzando así a seguridade de todo o municipio de cara á tempada de alto risco de incendios.

Para a elaboración desta lista, o equipo de goberno aplicou criterios estritos baseados na eficiencia e na seguridade da veciñanza. Deste xeito, priorizáronse zonas inaccesibles para o Concello, con aquelas vías e camiños cuxa orografía ou características impiden que poidan ser desbrozados co tractor da frota municipal; seguridade cidadá, dando prioridade ás vías que se atopan próximas a núcleos de poboación e vivendas, así como aos camiños que dan acceso a fincas particulares que requiren roza obrigatoria; e prevención no monte, recollendo tamén varios camiños situados en zonas forestais co obxectivo de que as limpezas permitan que funcionen como cortalumes naturais e garantan un acceso rápido e seguro para os camións motobomba en caso de emerxencia.

Prevención de incendios

A prevención é un dos piares fundamentais da loita contra os incendios por iso o goberno local ten activadas varias frontes, ademais do convenio con SEAGA, para lograr que a limpeza das faixas secundarias no municipio se faga de xeito efectivo.

Así, a comisión de seguimento do ‘Convenio de colaboración en accións de defensa e prevención de incendios forestais’ da Dirección Xeral de Defensa do Monte, dependente da Consellería do Medio Rural, ven de aprobar ao Concello de Camariñas o plan de actuacións preventivas no que se tratará de desbrozar 26 hectáreas co tractor municipal e 11 hectáreas coas brigadas de incendios.

Ademais, desde o mes de decembro a administración local conta con persoal administrativo subvencionado polo Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, para a comunicación da limpeza de faixas secundarias. Desde a súa incorporación, estes técnicos están enviando comunicacións aos propietarios afectados e proximamente se publicará no DOGA a obriga de limpeza de fincas preto das casas que no Catastro aparecen como propietario descoñecido. Estímase que serán case 12 hectáreas.

Related posts

A Deputación da Coruña convoca a oitava edición dos Premios PEL

A Xunta adxudica por máis de 1 M€ a obra de rehabilitación integral do Colexio O Areal de Camariñas

O Concello da Laracha aclara a situación do proxecto de instalación dunha antena de telefonía xunto ao CEIP Otero Pedrayo