A Xunta conmemorou en Fisterra o Día Mundial do Turismo


O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou este luns no acto de conmemoración do Día Mundial do Turismo, onde incidiu na importancia do modelo turístico galego baseado na seguridade e na calidade que permitiron obter bos resultados de afluencia turística este verán e que ademais serán os piares das actuacións coas que o Goberno galego pretende captar case 28 millóns de euros de fondos da Unión Europea para reactivar o sector.


Presentáronse as seis propostas de actuacións de cohesión que a Xunta presentará aos fondos europeos extraordinarios do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Destinos e ao Plan Nacional Xacobeo 21-22, no marco da Estratexia de Sustentabilidade Turística en Destino.


Deses 28 millóns, a Xunta presentou tres iniciativas para o seu Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Destino, o Plan do Litoral, por un orzamento de 14,6 millóns de euros. En concreto, case 8 millóns de euros para actuacións de rehabilitación e embelecemento da fachada litoral, outros 3,5 millóns á mellora da senda litoral e 3 millóns para poñer en marcha infraestruturas e actividades encamiñadas a potenciar Galicia como destino náutico desenvolvendo os minicruceiros como produto turístico.

Por outra banda, propóñense outros tres proxectos dotados cun orzamento de 13,1 millóns de euros no marco do Plan Nacional Xacobeo 21-22, para o que se contempla unha actuación de cohesión orientada a facer de Galicia un destino cicloturista utilizando as rutas xacobeas e a rede Eurovelo cun investimento de 3,5 millóns de euros; 3,2 millóns co obxectivo de revalorizar a ruta xacobea marítimo-fluvial polo Mar de Arousa coñecida como ruta Traslatio a través da mellora das infraestruturas náutico-portuarias e coa creación de espazos para atender aos peregrinos; e 6,5 millóns para poñer en valor o Camiño de Santiago como unha experiencia segura, innovadora e tamén en familia.
As actuacións deste último proxecto enmárcanse no Plan Director dos Camiños de Santiago 2021-2027 que a Xunta xa licitou para continuar co traballo feito ata agora na mellora da conservación das rutas, dos albergues e dos servizos de atención ao peregrino, incluíndo actuacións que fomenten desfrutar da experiencia do Camiño en familia con nenos e nenas.

Na conmemoración do Día Mundial do Turismo en Fisterra, ao que tamén acudiu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, entre outras autoridades, Rueda lembrou que Galicia segue estando de moda neste Xacobeo 21-22 como se constata cos datos de agosto, que sitúan á comunidade galega como a única de España que conseguiu superar as cifras turísticas prepandemia. De feito, en agosto rexistrouse un 70% de ocupación respecto ao ano pasado e cun comportamento 27 puntos mellor que a media nacional en comparación cos datos de agosto de 2019.