A Xunta constitúe unha comisión relacionada coa observación do eclipse previsto para o 12 de agosto

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presidiu este mércores a sesión constitutiva da comisión interdepartamental de preparación e coordinación das actuacións relacionadas coa observación da eclipse do 12 de agosto de 2026, na que participan representantes das consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes; Medio Ambiente e Cambio Climático; Educación, Ciencia, Universidades e FP e Sanidade, así como da Axencia Turismo de Galicia.

O obxectivo é preparar e coordinar actuacións para a observación segura do eclipse previsto para o 12 de agosto, abordando retos como mobilidade, prevención de riscos e oportunidades turísticas e de divulgación científica, entre outros. Segundo avanzou o conselleiro, a de hoxe é a primeira xuntanza e irase informando periodicamente do traballo desenvolvido. Ademais, prevese impulsar a coordinación con outras administracións que teñan contemplado este fenómeno na promoción dos seus territorios.

Diego Calvo incidiu na importancia da colaboración entre as distintas áreas que forman parte da comisión, dado que Galicia é un lugar privilexiado para a observación da eclipse de 2026, o que motivará unha grande afluencia de persoas á comunidade. Nesta liña, desde a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes coordinaranse os dispositivos de seguridade e prevención de riscos nas zonas nas que se prevea unha maior concentración de persoas. Traballarase tamén para analizar o impacto sobre a mobilidade estudando as necesidades que poidan xurdir por se fose necesario reforzar ou activar algún servizo.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, anunciou que xa está activa unha microsite na páxina web de Turismo de Galicia centrada na eclipse na que se  poderá atopar información sobre os concellos e as zonas nas que se observará o fenómeno de forma total o parcial, ademais de recomendacións para unha mellor e correcta observación, entre outros aspectos.

Xosé Merelles destacou que a eclipse poderá verse deste Estaca de Bares, en Mañón, ata a comarca de Valdeorras, limítrofe con Castela-León “deixando ao seu paso unha enorme franxa de observación que percorre territorios das catro provincias galegas”. Neste sentido, destacou que un amplo número de concellos galegos -en total 143, isto é o 45,6%- terán unha posición privilexiada para a súa observación, abarcando territorios das provincias da Coruña, Lugo e Ourense, así como áreas do interior de Pontevedra.

Finalmente, o director de Turismo subliñou que este fenómeno supón unha oportunidade para reforzar a proxección turística do territorio, diversificar a oferta, atraer novos perfís de visitantes e posicionar Galicia como destino de referencia en ámbitos emerxentes como o astroturismo e o turismo científico.

Related posts

Dúas persoas falecen tras chocar un coche contra un camión aparcado en Antas de Ulla

VOX denuncia la situación de la sanidad en Galicia

A promoción turística de Galicia en Fitur 2026 xira ao redor da marca país Galicia Calidade