A Xunta construirá unha senda entre Valenza e Castrobó, en Coristanco

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou as obras de construción dunha senda na estrada AC-421, entre Valenza e Castrobó, no concello de Coristanco. Este contrato foi adxudicado á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones, S.A. por un importe de máis de 30.000 €. As obras comezarán nas vindeiras semanas.

Con esta actuación, deseñada polo departamento de Infraestruturas da Xunta, búscase mellorar a accesibilidade dos veciños do núcleo urbano de Valenza, onde viven persoas con mobilidade reducida que a día de hoxe teñen difícil o acceso ao centro urbano de Castrobó, onde se atopan os servizos principais da zona.

A intervención permitirá configurar un espazo para o tránsito seguro de peóns con zonas reservadas ao longo do treito situado entre os puntos quilométricos 5,4 e 5,6 da estrada AC-421. A senda enlazará coa beirarrúa actual na marxe esquerda da estrada a partir do punto quilométrico 5,6.

A execución do novo itinerario peonil comezará polos traballos de limpeza, despexe, roza e escavación do terreo, para posteriormente habilitar a senda con bordo e o estendido de formigón coloreado.

Na intervención inclúese a mellora da rede de pluviais con rígola prefabricada de formigón e bordo e paso salvacunetas.