Así o anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco dun dos encontros informativos #ConstruíndoFogar organizados polo seu departamento e cos que seguirá percorrendo diferentes comarcas galegas co fin de dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios o conxunto de subvencións en materia de vivenda que se convocarán ao longo de 2022. Ángeles Vázquez subliñou a grande oportunidade que suporá para Galicia a trintena de programas que xestionará a Consellería este ano e que permitirán poñer á disposición de particulares, entidades locais e promotores máis de 150 millóns de euros para actuar no eido residencial. No caso das dúas liñas de subvención mencionadas, explicou que co programa a nivel de edificio o obxectivo é apoiar a mellora da eficiencia enerxética mediante actuacións como a renovación de cubertas e de fachadas de edificios residenciais colectivos e vivendas unifamiliares, sempre que se garanta un aforro mínimo do 30%. O importe máximo será de 30.800 euros, en caso de incluírse a retirada de elementos con amianto. Así mesmo, a outra liña nova para recuperar inmobles xa construídos prevé incentivos de ata 30.000 euros para a redacción de proxectos de rehabilitación integral e dun máximo de 3.500 euros para a elaboración do libro do edificio, documentación fundamental para garantir unha correcta conservación dos inmobles existentes.
34
