A Xunta convocará en abril novas axudas para mellorar a eficiencia enerxética en vivendas

1 minutes read

Con este obxectivo, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou que o vindeiro mes de abril se publicará unha nova convocatoria do programa de axudas para actuacións de rehabilitación a nivel de edificio, financiado con fondos europeos. Vázquez, subliñou o “éxito” en Galicia da primeira convocatoria deste programa, que se saldou o ano pasado con 251 subvencións concedidas por un importe total de 21,57 millóns de euros e un grao de execución de case o 95%. Neste sentido, adiantou que, á falta de concretar aínda o orzamento definitivo co que sairá a nova convocatoria, o programa contará, en todo caso, cunha dotación superior á anterior.

Grazas ás subvencións concedidas en 2022 se poderá intervir sobre máis de 2500 vivendas en toda Galicia co fin de executar diferentes actuacións de rehabilitación que reduzan os seus consumos a través dun aforro enerxético de, como mínimo, o 30%. O importe máximo destes incentivos pode chegar ata os 38.750 euros por vivenda e entre as principais obras subvencionables destacan as intervencións de mellora nas envolventes —fachadas, cubertas, etc.—, como é o caso do edificio visitado hoxe, e a substitución de equipos de calefacción e auga quente tanto en vivendas unifamiliares como en edificios de uso colectivo.