O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo unha reunión coa alcaldesa do concello de Santa Comba, María Pose, na que lle avanzaou que o goberno galego incluirá unha praza de médico de familia no centro de saúde do seu concello na convocatoria de prazas de difícil cobertura mediante concurso de méritos que aprobará nas vindeiras semanas.
Esta convocatoria de máis de 400 prazas, avanzada este mes polo Presidente da Xunta Alfonso Rueda, realizarase ao abeiro da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura, aprobada o pasado outubro polo Parlamento de Galicia e que permite a convocatoria mediante concurso de méritos (é dicir, sen oposición) de prazas en propiedade en categorías como facultativo especialista de atención primaria, pediatría de atención primaria, as especialidades médicas nos hospitais comarcais ou as prazas sanitarias vinculadas ao Plan de Saúde Mental de Galicia.
Dita lei ampliou a experiencia exitosa do primeiro concurso de méritos convocado pola Xunta de Galicia en 2022, que logrou que máis dun cento de especialistas en medicina de familia tomasen posesión dunha praza fixa en centros de saúde que levaban tempo sen médico estable. Deles, 16 incorporáronse en centros da área de Santiago e Barbanza.