O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou unha lei para que os beneficios do aproveitamento dos recursos naturais galegos se reinvistan en Galicia, tamén avanzou a futura creación dunha sociedade coa que Galicia asumirá un papel protagonista na transición enerxética. Recordou que Galicia ten un potencial incalculable para estar no centro da transición enerxética que vai vivir Europa, porque conta cos recursos, a situación xeográfica, a convicción e a estabilidade política necesaria para ser un referente do proceso de cambio enerxético que definirá o futuro do continente. Alfonso Rueda subliñou que a transición enerxética debe aglutinar ao conxunto da sociedade, tendo en conta que a riqueza dos recursos naturais de Galicia é patrimonio de todos os galegos.
Partindo desa filosofía, a Xunta vén de tomar unha decisión pioneira para garantir que a sociedade galega no seu conxunto asuma un papel protagonista na transición enerxética, coa previsión de aprobar no Consello da Xunta deste xoves o inicio da tramitación dunha lei que sentará o marco normativo para a creación dunha sociedade coa que asumirá esa participación directa, xunto con outros socios, e que permitirá velar para que o rendemento económico dos recursos naturais de Galicia se reinvista en Galicia.
O titular do Goberno galego explicou que se trataría dunha sociedade que seguiría o modelo do que se coñece como unha utility, unha compañía na que participaría a Xunta de Galicia xunto con outros actores públicos e privados “para promover novos proxectos en enerxías renovables cunha clara intencionalidade para que parte dos beneficios que se xeren teñan un impacto directo en toda Galicia, e especialmente nos lugares nos que se instalen”, indicou Rueda.