A Xunta de Galicia vai acometer a rehabilitación integral do Colexio Plurilingüe San Vicenzo de Vimianzo

1 minutes read

Farao por un importe estimado dun millón de euros. Así llo trasladou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, á alcaldesa da localidade, Mónica Rodríguez, no decurso dunha reunión de traballo mantida este xoves nas dependencias da Consellería, na que tamén participou o secretario xeral técnico, Manuel Vila.

O titular de Educación do Goberno galego avanzoulle que nestes momentos está en proceso de contratación a redacción do proxecto de rehabilitación integral, que incluirá actuacións de mellora nas cubertas, as ventás e a envolvente do edificio.

Á falta de pechar as especificacións técnicas do proxecto, que estará rematado entre finais deste ano e principios de 2027, o custe desta intervención estímase en arredor dun millón de euros. Unha vez supervisado o proxecto técnico, procederase á licitación da obra.

Esta intervención enmárcase dentro do Plan de nova arquitectura pedagóxica de Galicia, a folla de ruta do Goberno galego para a modernización dos colexios e institutos para facelos máis sostibles e confortables.