A Xunta de Goberno da Laracha adxudica a mellora da rede viária de Lestón

Concello da Laracha

As actuacións afectan tanto á zona urbana como a vías rurais. Así, na vila de Paiosaco será renovado o pavimento das rúas A Barreira, Blanco Amor, Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Laxe, incluíndo a sinalización horizontal coa marcaxe das marxes da plataforma da calzada para aumentar a seguridade viaria. Neste caso actuarase nunha distancia lineal duns seiscentos metros.
O proxecto na zona rural afecta á estrada que comunica Paiosaco co núcleo de Lestón. Tamén será renovado o pavimento para facilitar o tránsito dos vehículos. Está afectado polo proxecto un tramo de oitocentos metros máis outro ramal secundario de cen metros.
Nos próximos días completarase o procedemento de adxudicación coa formalización dos contratos e, a continuación, estarase en disposición de iniciar as obras.
Ademais, a Xunta de Goberno Local concedeu a licenza urbanística para a construción, no parque empresarial, dunha nave industrial de dúas plantas sobre rasante que se destinará á actividade de carpintería metálica. Este proxecto beneficiarase dunha bonificación do 95% na cota do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) en aplicación do artigo 6º da ordenanza fiscal número 17, que establece dito incentivo fiscal para as empresas que se implanten nese ámbito.
O Concello mostra a súa satisfacción por conceder esta nova licenza urbanística que permitirá continuar enchendo de actividade o polígono industrial e crear novas oportunidades para a xeración de emprego no termo municipal.