Un deles consiste na mellora da seguridade viaria da rúa Silverio Moreda Alvariño da capital municipal. Actualmente está permitido o dobre sentido de circulación e existen tanto beirarrúas como zonas de aparcamento a ambas marxes. O Concello, consciente das dificultades que iso implica para o tránsito de vehículos, establecerá o sentido único con acceso pola Avenida Fisterra (estrada AC-552) e saída pola Avenida de Caión (estrada DP-1913), xunto á igrexa parroquial de Santa María de Torás. Isto posibilitará conservar todas as prazas de estacionamento a ambos lados da vía e ampliar as beirarrúas para aumentar a seguridade dos peóns. Ademais, contémplanse melloras na accesibilidade, iluminación pública e a completa sinalización en toda a rúa. A actuación está valorada en 85.500 euros e será executada por Construcciones Vázquez y Reino.
O outro proxecto adxudicado este xoves pola Xunta de Goberno Local céntrase na mellora de camiños situados en zonas rurais e será cofinanciado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no marco do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas.
Inclúense catro intervencións diferenciadas en estradas municipais que discorren por A Ferreira (parroquias de Montemaior e Soandres), San Fins de Arriba en dirección á estrada CP-2404 (Montemaior), a vía que comunica A Costa e Tuixe de Abaixo (parroquias de Cabovilaño e Lemaio) e unha última actuación que daría continuidade á anterior nun camiño de Tuixe de Abaixo. En todos os casos as obras teñen por finalidade mellorar o firme e a drenaxe das estradas, facilitar a circulación e aumentar a seguridade viaria. A execución do proxecto, valorado en 74.000 euros, será a cargo de SYR-AMG.