A Xunta de Goberno Local da Laracha adxudica tres contratos que suman un investimento de 358.000 euros

2 minutes read

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada este mércores na Laracha acordouse adxudicar tres contratos que suman un importe total de 358.000 euros.

Dous deles son para a execución de obras de mellora das infraestruturas de titularidade municipal. O de maior importe é a reforma integral da cuberta do complexo deportivo da piscina municipal, adxudicada a Construcciones López Cao, S.L. por 215.000 euros. O Concello promove a actuación ante a necesidade de mellorar a impermeabilización e a eficiencia enerxética das instalacións para ofrecer un mellor confort aos usuarios. A cuberta presenta deterioracións que están a provocar estancamentos da auga de chuvia, o que incrementa o risco de filtracións. Tamén se detectou a degradación da membrana impermeable, que non está a ofrecer de xeito óptimo a súa función protectora. Para corrixilo, o proxecto contempla a retirada de todas as capas da cuberta existente e a construción dunha nova con garantías de durabilidade e seguridade. Tamén inclúe a mellora do illamento dos falsos teitos no interior do complexo deportivo co obxectivo de optimizar a eficiencia enerxética e o confort térmico do recinto. Ademais, a nova estrutura quedará preparada con soportes específicos que permitirán o ancoraxe dunha futura instalación solar fotovoltaica, proxecto que se executará nunha fase posterior cun investimento estimado doutros 100.000 euros.

Á empresa Construcciones Ponciano Nieto, S.L. foi adxudicada a mellora da rede viaria na parroquia de Soandres que afecta a estradas de tres núcleos de poboación. Tanto no Corgo de Abaixo como na Tapia vai ser renovada a superficie de rodadura dos vehículos, incluíndo a sinalización horizontal para facilitar o tránsito e aumentar a seguridade. Na Millarada realizarase unha actuación similar e tamén será mellorada a rede de recollida de pluviais. Neste caso o investimento supera os 61.000 euros.

E tamén se adxudicou o contrato de subministro do vehículo tipo pick-up eléctrico para empregalo como punto limpo móbil, neste caso a Vehículos, Equipamientos y Carrocerías Prieto-Puga S.L. e por 82.000 euros. Este novo vehículo poderase desprazar polas trece parroquias co obxectivo de complementar os servizos que se ofrecen no punto limpo e achegalos de xeito itinerante a todos os núcleos de poboación do termo municipal, o que implicará unha significativa mellora e modernización na xestión dos residuos e, por tanto, maior eficiencia e eficacia no aspecto medioambiental.