A Xunta declara a alerta por seca na bacía do Anllóns | Carballo reforza as medidas de aforro

2 minutes read
Alerta por seca no río Anllóns, da costa da Coruña a Arteixo

A medida, que afecta a 91 concellos a nivel autonómico con resticións, supón a prohibición de usos «prescindibles» de auga, como encher piscinas ou regar xardíns, e abre a posibilidade a cortes puntuais na subministración.

A alerta sobre o Anllóns limítase á provincia da Coruña e aos seguintes termos territoriais: Arteixo, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Tordoia e Zas.

Nun comunicado, o Goberno galego indica que se adopta esta medida, que supón activar o segundo nivel máis alto de restricións, só por detrás do de emerxencia, polo «descenso importante e continuado» que experimentou o caudal dos ríos desde a primavera e ante a previsión de que non vaia cambiar esta tendencia tras máis dun mes en prealerta.

O Concello de Carballo reforza as medidas de aforro de auga

A decisión foi adoptada este martes pola Oficina Técnica da Seca de Augas de Galicia ante o descenso continuo e notable dos caudais circulantes, que acumulan máis de dous meses con indicadores baixos e sen que, polo momento, se aprecie un cambio de tendencia.

Carballo atopábase xa en situación de prealerta desde o pasado 8 de xullo, circunstancia ante a que o Concello puxera en marcha diferentes medidas preventivas para reducir o consumo de auga nas instalacións e servizos municipais.

Co paso á situación de alerta, esas actuacións intensifícanse co obxectivo de conservar ao máximo os recursos hídricos dispoñibles. Deste xeito, e na medida do posible, quedan cancelados os baldeos de rúas e as regas de xardíns e zonas verdes municipais.

Así mesmo, permanecerán fóra de servizo as fontes ornamentais e as fontes públicas, e procederase ao peche das duchas e dos lavapés das praias. O Concello limitará tamén calquera outro uso municipal de auga que non resulte imprescindible.

Estas medidas súmanse ao seguimento permanente dos consumos nas instalacións municipais e na rede de distribución e ás actuacións de control e optimización que xa se viñan desenvolvendo desde a declaración da prealerta.

Unha situación que obriga a extremar o aforro

O nivel de alerta é o segundo máis elevado dos establecidos no Plan especial de seca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, só por debaixo da situación de emerxencia.

Segundo informou Augas de Galicia, a declaración responde especialmente á evolución negativa dos caudais dos ríos e das reservas de auga durante os últimos meses, nun contexto marcado pola escaseza de precipitacións e polas altas temperaturas.

O Concello de Carballo fai por iso un novo chamamento á colaboración cidadá para reducir os consumos non imprescindibles e facer un uso responsable da auga, especialmente mentres persista esta situación.

Aínda que Carballo dispón tamén da captación do río Bardoso como parte do seu sistema de abastecemento, desde o Concello considérase imprescindible extremar o aforro e preservar todos os recursos dispoñibles ante a evolución da seca.

O Concello continuará realizando un seguimento permanente da situación e adaptará as medidas municipais á evolución dos caudais e ás indicacións que se adopten desde Augas de Galicia.