A Xunta declara a seca prolongada nas rías da Coruña e Betanzos

A Xunta declarou a situación de seca prolongada nas concas das rías da Coruña e de Betanzos, así como nos sistemas de abastecemento das comarcas de Ferrolterra e A Mariña ante a falta de choivas nestas zonas.

Así o acordou a Oficina Técnica da Seca do Executivo galego, que estivo presidida polo xerente de Augas da Galiza, Gonzalo Mosqueira, e á que acudiron técnicos deste organismo, así como representantes das Consellarías de Sanidade e Medio Rural, Meteogaliza e Protección Civil. En concreto, a reunión declarou a seca prolongada en nove dos 19 sistemas de explotación da Demarcación Hidrográfica Galiza-Costa, que é de competencia galega, tal e como informa o Goberno galego nun comunicado.

Isto afecta os seguintes sistemas: río Mero, Arteixo e ría da Coruña; río Mandeo e ría de Betanzos; río Eume e ría de Ares; Ferrol; río Mera, ría de Cedeira; río Sor, ría Santa Marta de Ortigueira e ría de Viveiro; río Landro e río Ouro; río Masma; e ría de Ribadeo. A decisión adoptouse tras avaliar a situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas de Galiza-Costa. Así, constatouse que as precipitacións do mes de xullo sufriron unha “anomalía” media de 43% inferior aos valores considerados normais.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha