A Xunta de Galicia vai declarar de «interese público superior» a planificación, construción e explotación dos parques eólicos da súa competencia para «acelerar» o despregamento destas instalacións de enerxía renovable.
Este é, polo menos, un dos cambios normativos que quere introducir o Goberno galego a través da lei de medidas fiscais e administrativas, a coñecida como lei de acompañamento, cuxo proxecto entregou este venres ao Parlamento para a súa tramitación xunto co orzamentario para 2024.
De aprobarse este proxecto, a Xunta declarará de interese público superior «a planificación, construción e explotación dos parques eólicos de competencia autonómica, así como as súas infraestruturas de evacuación».
Esta declaración supón que os proxectos, por ser de enerxía renovable, «contribúen á saúde e seguridade públicas», algo que haberá que ter en conta de maneira «relevante» ao «ponderar os intereses xurídicos de cada caso», indica a nova normativa. De feito, será algo a ponderar «no caso de que se presente recurso administrativo contra a autorización do proxecto de parque eólico ou as súas infraestruturas de evacuación» e se solicite a súa suspensión.