A Xunta defende a continuidade da biofábrica de Ence na ría de Pontevedra

1 minutes read

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, considera que a proposta de buscar unha ubicación alternativa á biofábrica de Ence na ría de Pontevedra é inviable porque resulta imposible replicar a mesma tecnoloxía noutro lugar de Galicia, tal e como vén manifestando a empresa. Por iso, defendeu a súa continuidade no emprazamento actual por ser a única opción para garantir o mantemento da actividade e o emprego.

En resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento, Conde asegurou que, en aplicación da legalidade vixente, os datos obxectivos e técnicos reflicten que a factoría de Lourizán é unha industria segura para o medio ambiente e para as persoas. Todas as industrias que operan en Galicia, abondou, están sometidas a unha rigorosa normativa e ao control estrito do seu cumprimento, tanto desde o punto de vista medioambiental como da seguridade industrial.