A Xunta defende a eólica mariña compatible coa pesca e coa preservación do ecosistema

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, defendeu este sábado a necesidade de que o desenvolvemento da eólica mariña no litoral de Galicia sexa compatible coa actividade pesqueira e coa preservación do ecosistema. Fíxoo durante a súa participación nunha mesa redonda enmarcada na xornada A enerxía eólica mariña nas augas españolas: solución ou problema. Unha visión interdisciplinar organizada pola Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (Fremss).  

A representante do Executivo galego explicou que é necesario avanzar no desenvolvemento de enerxías renovables como a eólica mariña, que ten un importante potencial en Galicia, pero tamén subliñou a transcendencia de que a sociedade poida acceder a alimentos sans e de calidade -como se demostrou durante a pandemia-, polo que expuxo a necesidade de preservar a actividade marítimo-pesqueira.

Neste sentido, Mercedes Rodríguez sinalou que é fundamental que as dúas actividades sexan compatibles e lembrou que polo momento ningún promotor pode tramitar proxectos de eólica mariña en Galicia -e en calquera outro punto de España- á espera de que o Goberno central, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, aprobe o documento definitivo dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM).

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha