A Xunta declarará este venres a emerxencia cinexética, dia que se publicará no Diario Oficial de Galicia e entrará o vigor este sábado, para poder cazar “sen límite” xabarís nun total de 248 municipios, un 80 % dos concellos e da superficie da comunidade galega. Esta decisión provisional estará en activo ata o 25 de febreiro de 2024, fin da tempada de caza.
Este instrumento excepcional pódese tomar ante o perigo para a gandería e agricultura, ademais de polo risco de provocar accidentes de tráfico, complementario á caza regulada para facer accións de control por danos. Poderán capturarse ou abaterse exemplares de ambos os sexos e amplíanse os períodos de caza.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, explicou que é a terceira vez que se declara esta emerxencia cinexética en Galicia, unha decisión que tomou a Xunta tras recibir un total de 4.048 avisos por danos durante a tempada 2022-23, desde o 1 de agosto de 2022 ao 31 de xullo de 2023, en que se capturaron 19.000 exemplares, cifra que vai á alza.
- Amplíanse os tipos de caza e os medios
Poderá recorrerse a batidas, así como modalidades de espera. Tamén se autoriza o uso de medios auxiliares, como visores ópticos, detectores electrónicos de paso ou presenza de animais e cebadeiros de gran ou froitos colocados nos cultivos danados, para facilitar o control. Galicia conta cun total de 452 tecores. Adicionalmente, poderase realizar capturas de exemplares vivos en terreos non cinexéticos mediante capturadores, e mesmo, en caso de non dar resultado, poderase actuar coa modalidade de espera diúrna ou nocturna, con informe preceptivo de xefatura territorial. As xornadas de caza na tempada 2023-24 serán 134, o que supón un 45,6 % máis que as que había en 2017-18.