- Desde o Concello solicitaron a comezos de setembro unha ampliación de tres meses polo parón que supuxo o confinamento
A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, lamenta que a Xunta de Galicia rechazara ampliar tres meses os programas de emerxencia e inclusión social ‘Ferrol Acolle’ e ‘Ferrol Cidade Inclusiva’. Trátase de iniciativas municipais que se puxeron en marcha a comezos de mes entre as concellerías de Benestar Social e a de Emprego para promover a inclusión social dos 92 beneficiarios dos programas.
Recentemente, Martínez Montero solicitou á Dirección Xeral de Inclusión Social que ampliara os programas debido ao “parón que supuxo o confinamento”, o que significou a suspensión dos tribunais de selección do persoal técnico ata mediados de maio. “Lamento profundamente que a Xunta non outorgue esta prórroga, especialmente nestes tempos de profunda crise social pola pandemia nos que os nosos veciños máis vulnerables requiren de todo o noso apoio”.
O obxectivo do programa ‘Ferrol Cidade Inclusiva’, no que participan 67 persoas perceptores do Risga ou familiares, é contribuír á inserción laboral. Pola súa banda, ‘Ferrol Acolle’, do que se beneficiarán outras 25 persoas, presta ademais especial atención a lograr a transición á vivenda.