A Xunta de Galicia achegará preto dun millón de euros para continuar desenvolvendo un programa integral de atención a persoas con discapacidade, que conta con diferentes servizos centrados principalmente na mellora da autonomía e da integración social dos participantes.
Profesionais do ámbito da discapacidade traballan desde unha perspectiva multidisciplinar cos usuarios ao contar con fisioterapia e rehabilitación; con servizo de estimulación sensorial e neuropsicoloxía, para mellorar as funcións cognitivas tras ser danadas; con terapia ocupacional, para axudarlles na realización de tarefas cotiás; ou con logopeda.
Máis en concreto, os participantes desfrutan de terapia acuática, dunha sala de integración sensorial e psicomotricidade, de equipamentos punteiros empregando novas tecnoloxías e con terapias que lles permite mellorar alteracións de voz, fala e linguaxe, por exemplo.