A Xunta destaca a aposta polo I+D+i nos seus centros de investigación

1 minutes read

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, presidiu a mesa de coordinación das actividades de I+D+i dos centros de investigación da Consellería do Medio Rural. Na reunión, Cabarcos e os directores da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, do Centro de Investigación Forestal de Lourizán e do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo fixeron balance das actuacións levadas a cabo neste ámbito durante o 2022.

En conxunto, os tres centros desenvolveron ao longo deste último ano ata 75 proxectos de I+D+i ao amparo do contrato de xestión 2021-2024 da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dos cales 21 corresponderon ao ámbito forestal, 15 á viticultura e 39 ao ámbito agrogandeiro e agroindustrial.

Deste xeito, por unha banda, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán centrouse tanto nos programas de mellora xenética das especies forestais e silvícolas, sendo o castiñeiro e o piñeiro as principais especies de obxecto de estudo, como en actuacións dedicadas á defensa do monte. Estas últimas abarcaron accións centradas na loita contra os incendios forestais e as súas consecuencias, ademais doutras dedicadas á adaptación e preservación dos ecosistemas forestais fronte ao cambio climático ou produtos forestais non madeireiros.

Por outra banda, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia centrou as súas actividades nas áreas relativas ao material vexetal e os recursos xenéticos da vide, así como a protección fitosanitaria do seu cultivo. Ademais, traballaron en temáticas relacionadas coa tecnoloxía da produción vitícola e a enoloxía.