Coincidindo co 20 aniversario da creación da Rede Temática de Investigación Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano (LIJMI), celébrase o Seminario Internacional Investigación e Crítica na Literatura Infantil e Xuvenil (2004-2024), que se desenvolve no compostelán Pazo de San Roque coa colaboración do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e do grupo de investigación universitario LITER21.
No acto de inauguración destas xornadas participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen destacou o papel da dita rede “para difundir ao longo destes 20 anos o extraordinario valor da LIX en lingua galega e poñela no lugar que lle corresponde”.
O Seminario está aberto ao público xeral e reúne numerosos representantes do ámbito galego, castelán, catalán, vasco e portugués, así como outros chegados do Brasil, Chile e México para intercambiar experiencias e presentar os proxectos de investigación que manteñen en activo ao redor da literatura infantil e xuvenil. A programación completa pode consultarse no Portal da Lingua Galega.