A Xunta destaca a importancia do remate de “La Vuelta 21” en Galicia


O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, participaron na presentación do percorrido pola xeografía galega das 3 últimas etapas de “La Vuelta 21”, a proba raíña do ciclismo en España, que nesta edición coincidindo co Xacobeo rematará na praza do Obradoiro.

Nesta edición de 2021 a proba atravesará na súa antepenúltima etapa o 3 de setembro os concellos de Monforte, Lugo e Sarria para continuar polas Rías Baixas desde Sanxenxo a Mos pasando por Pontevedra, Redondela, O Porriño e Baiona deixando para a contrarreloxo individual do domingo 5 de setembro o tramo de Padrón a Santiago de Compostela, para chegar como tódolos peregrinos á porta da Catedral compostelá.

Por iso, no acto tamén estiveron presentes os alcaldes de Santiago de Compostela, Padrón, Sanxenxo, Mos, e Monforte de Lemos, municipios de saída e chegada das tres etapas pola comunidade. Ao acto tamén acudiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o director xeral de La Vuelta, Javier Guillén e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz.