O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou este mércores na inauguración da XXXV Mostra do Encaixe, que se prolongará en Camariñas ata este próximo domingo 5 de marzo. O evento iniciouse xusto despois da celebración dun pleno extraordinario da corporación municipal de Camariñas —no propio recinto onde ten lugar esta Festa de Interese Turístico de Galicia— no que se aprobou cambiar o nome da avenida Ambrosio Feijóo polo de avenida das Palilleiras, como recoñecemento da importancia fundamental destas artesás no desenvolvemento da vila de Camariñas e do papel que desempeña hoxe en día a propia Mostra do Encaixe.
Durante a inauguración, Alén destacou a Mostra como un evento de referencia para a artesanía e para os oficios vinculados á moda, reflexo de que o encaixe é un oficio con fonda tradición e con grandes posibilidades de actualización e de reinterpretación no futuro. Neste sentido, sinalou tamén a relevancia dos desfiles de Deseñadores Noveis e PequEncaixe, onde nenas e nenos das Escolas Municipais de Palillo amosan as súas creacións como garantía da remuda xeracional no oficio.
Por outro lado, destacou o papel da Mostra como espazo de confluencia e xermolo de sinerxías entre diferentes disciplinas entre as que destaca a moda e outros oficios artesanais que incorporan o encaixe nunha colección de pezas e que desfilarán na sección ArtEncaixe a partir de mañá xoves. Na edición deste ano está prevista a participación de obradoiros da marca Artesanía de Galicia como Logaro (Ourense), especializada en calceta e gancho; Zeltia ao Aire (A Coruña), en bordado ao aire; Estilo Aramar (Pontevedra), de tocados e sombreiros; Mariví Santos (Porto do Son), de encaixe; Ana Trasariz (Vimianzo), en complementos de moda; e os obradoiros de olería de Buño (Malpica de Bergantiños) Alfarería Rulo e Feituras Buño.
Unha das novidades este ano é que dous obradoiros artesanais van participar no desfile de Grandes Deseñadores: a marca de roupa Andión Clothing (Boqueixón) e o obradoiro de encaixe Ondas do Mar (A Estrada), que ten participado noutras edicións na sección ArtEncaixe.
Como vén sendo habitual nos últimos anos, a Xunta apoia a organización da Mostra para que poida seguir a ser un punto de encontro para o sector artesán galego e para a moda galega, un escaparate da marca Artesanía de Galicia e un motor de dinamización económica e turística desta zona.
No evento contarase tamén con demostracións en vivo, obradoiros de encaixe, actuacións musicais de grupos como Luar na Lubre ou Antía Muíño, monólogos, o espazo Gourmet entre encaixes e postos de exposición e venda entre os que se atopan as delegacións procedentes da Arxentina, Bulgaria, Eslovaquia, Italia, Polonia, Portugal e Arenys de Mar. O evento abre hoxe as súas portas ata as 21,00 h. Desde mañá ata o domingo 5 de abril estará dispoñible en horario de 11,00 a 21,00 horas.