A Xunta destaca o esforzo do sector galego da construción en tempos de pandemia

1 minutes read

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou o esforzo de adaptación á situación sanitaria realizado polas empresas e os profesionais galegos do sector da construción, o que permitiu manter activos os investimentos e os postos de traballo.

O titular do Goberno galego, acompañado da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo unha xuntanza co presidente da Federación Galega da Construción, Diego Vázquez Reino, e cos representantes provinciais do sector, na que abordaron a situación derivada da emerxencia sanitaria polo COVID-19 e da declaración do estado de alarma.

O presidente da Xunta puxo en valor a axilidade das empresas da construción á hora de adoptar medidas de prevención, adaptando os equipos e as xornadas de traballo, establecendo protocolos de hixiene reforzada para as instalacións e as ferramentas e dotando ao persoal de equipos de protección individual.

Feijóo apuntou a necesidade de manter esas estritas medidas de seguridade, que fan compatible o avance na construción das infraestruturas públicas e a conservación do emprego, coa imprescindible protección da saúde dos traballadores.

Ademais, as empresas teñen á súa disposición unha guía de medidas de prevención fronte ao COVID elaborada polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde de forma específica para o sector da construción.