O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou este martes o crecemento que está levando a cabo a empresa especializada na venda de ferraxería Unifersa, que suma ás súas instalacións de Vilar do Colo en Fene unha nova nave no polígono da Laracha.
Durante o acto de colocación da primeira pedra do que será un novo centro loxístico da firma galega, no que tamén estivo presente o alcalde da vila, José Manuel López Varela, Conde puxo en valor este feito apuntando a que se trata dunha dobre vitoria para Galicia, xa que consolida a capacidade loxística de Unifersa e supón un revulsivo na actividade industrial do concello.
A este respecto, o vicepresidente económico salientou o espírito da Laracha que, como Concello Emprendedor, contribuíu a que Unifersa poida contar cunha parcela de 42.000 m2 para lograr unha maior operatividade loxística.
A pesar dun 2020 marcado pola pandemia da covid-19, a empresa con sede en Fene experimentou en torno a un 20% de crecemento e, no que vai de 2021, xa supera o 55% con respecto ao ano pasado.
O alcalde agradeceu á empresa a súa “aposta pola Laracha”, o que tamén considera un “éxito municipal”. Para José Manuel López Varela “é un día histórico para este Concello” no que “non só se colocou a primeira pedra do proxecto, tamén se colocaron moitas pedras para fortalecer e continuar consolidando o tecido empresarial, xerar actividade económica na comarca de Bergantiños, o xurdimento de novas posibilidades de negocio, a creación de postos de traballo directos e indirectos e para fixar poboación na Laracha.
O rexedor local tamén destacou as oportunidades que ofrece o parque empresarial, que aspira a que se converta nunha “plataforma loxística de referencia no noroeste de España dentro do eixo industrial A Laracha–Arteixo–Carballo”. Por iso referiuse á “importancia do que podemos alcanzar cando todas as administracións implicadas traballan xuntas cun mesmo propósito” en alusión á futura ampliación do polígono que está actualmente en trámite.