A Xunta destina 380 millóns de euros para loitar contra o coronavirus

3 minutes read
  • O Consello da Xunta autorizou un plan de emerxencia para a Sanidade Pública cunha dotación inicial de 51,5 millóns de euros

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou este venres na rolda de prensa do Consello das novas medidas postas en marcha pola Xunta para a prevención e o seguimento do coronavirus. “Estamos a falar de 380 millóns de euros: 51,5 millóns de investimento sanitario, 270 millóns en medidas económicas, 33 millóns en materia de política social e arredor de 25 millóns para os sectores turístico e cultural”, detallou.

Sanidade: máis camas nas UCIs
O Consello da Xunta autorizou un plan de emerxencia para a Sanidade Pública cunha dotación inicial de 51,5 M€, dispoñible, segundo subliñou Feijóo, desde o primeiro instante.

Como aspecto máis destacable, Feijóo subliñou que, con estas compras, a Comunidade contará con 274 camas na unidade de coidados intensivos –un 71% máis, logo de transformar as camas de reanimación en camas de UCI–. Tamén sinalou a decisión de converter a todos os MIR de último grao en adxuntos médicos especialistas de área.

Feijóo lembrou que Galicia tiña comprado xa parte do material e que debería enviar o Ministerio de Sanidade logo de centralizarse a súa compra –como equipos de protección, desinfectante, guantes e mascarillas de distinto tipo–, ademais de ter solicitado máis de 250 equipos de ventilación, 13 de radioloxía portátil e 50 camas de hospitalización.

270 millóns para autónomos e pemes
Como primeira medida, Feijóo sinalou que tanto o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) como XesGalicia concederon préstamos por valor de 265 M€ e, a este respecto, explicou que se decidiu autorizar o aprazamento do pago das cotas de amortización e xuros de liquidación do primeiro semestre. Polo tanto, estas cantidades poderán devolverse cando venza o préstamo.

A segunda medida, coa que se prevé a mobilización de 250 M€, ten como obxectivo inxectar de inmediato a liquidez necesaria a autónomos e pemes. Desde a próxima semana, calquera persoa que queira pedir un préstamo –autónomo ou peme– será avalado co 75% do préstamo. A contía do préstamo, sinalou Feijóo, serán os gastos do trimestre anterior.

A terceira medida, proseguiu, consiste na identificación das capacidades do sistema galego de innovación para facer fronte ao coronavirus, como dispositivos de intervención ao tratamento, de fabricación de ventiladores ou de equipos de protección individual.

“Ademais, abrimos unha liña de financiamento de 10 M€ para a reestruturación produtiva das empresas galegas que empecen a fabricar este tipo de material”, engadiu Feijóo, precisando tamén que todos aqueles gastos que conleve cambiar máquinas, loxística ou procedementos organizativos serán financiados pola Comunidade galega.

Plan de continxencia social
No eido da política social, Feijóo destacou a elaboración do Plan de continxencia social, con medidas para atender a persoas maiores dependentes, a persoas con discapacidade e a persoas en risco de exclusión social.

Así mesmo, Feijóo resaltou a posta en marcha, a partir do vindeiro luns do teléfono social (900 400 800), a través do cal se atenderán chamadas de persoas que precisen resolver dúbidas básicas ou de índole sanitaria.

Plan de reforzo para as mulleres vítimas de violencia de xénero
O presidente sinalou que se mantén a operatividade dos servizos de asistencia telefónica e online, así como os servizos de carácter administrativo -online, por teléfono e por correo electrónico- e todos aqueles trámites de carácter esencial, como o pago de axudas económicas ou a solicitude do bono de aluguer social, entre outros, que seguirán a tramitarse a través da sede electrónica da Xunta.

A maiores, o Bono de alugueiro social que a Administración galega ten a disposición das vítimas de violencia de xénero poderá ampliarse ata chegar a asumir a Xunta de Galicia o pagamento do 100% do alugueiro durante 1 mes. “E despois irase vendo se é necesario reforzar ou ampliar”, matizou.

Medidas para axudar á recuperación dos sectores turístico e cultural
No ámbito da cultura e do turismo, o titular da Xunta aseverou que se están a reestruturar os créditos da Consellería de Cultura para recuperar ambos sectores que suman, en conxunto, o 13% do PIB galego e preto do 14% do emprego. “Imos reestruturar 25 millóns de euros para a recuperación turística e a reactivación cultural”, explicou.