A Xunta destina 640.000 € a máis de 70 proxectos de voluntariado en 2025

2 minutes read

A Xunta de Galicia destinará este ano 2025 un total de 640.000 € para o desenvolvemento de 72 proxectos ao abeiro dos programas Talento Interxeracional e Servizo de voluntariado xuvenil, promovendo así a participación da mocidade galega en actividades de interese xeral no marco da acción voluntaria organizada.

Deste xeito, mediante a convocatoria correspondente ao voluntariado interxeracional no rural, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pon en contacto mozos e mozas de entre 16 e 35 anos e persoas maiores de 55 a través de 26 iniciativas co obxecto de dinamizar os concellos menos poboados e mellorar as perspectivas laborais da xuventude.

Así se recolle na resolución da cuarta edición destas axudas que se acaban de publicar no Diario Oficial de Galicia, onde se establecen que preto de 180.000 € están dirixidos aos proxectos de 10 concellos, mentres que case 280.000 € terán como destino impulsar programas de 16 asociacións de acción voluntaria.

Deste xeito,  contarán con esta subvención unha decena de proxectos dos concellos de Vedra, Muxía, Padrón e A Baña, na provincia da Coruña; de San Xoán de Río, Cenlle, A Veiga e Vilar de Barrio, na de Ourense; e Ponteareas e Mos, na de Pontevedra.

En canto as 16 entidades de acción voluntaria que poderán desenvolver os seus programas con estas axudas son a Asociación Medioambiental Amabul,  a de Diversidade Funcional das Comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra, a Fundación Ronsel, a Asociación Ecos do Sur, a Escola de Tempo Libre Colaxe e a Asociación de Colaboración e Promoción das persoas xordas Acopros.

De igual xeito, tamén conseguiron apoio para os seus proxectos interxeracionais a Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, o Grupo Compostela de Universidades, Valores Innovation, a asociación Os Tres Reinos e a Asociación Limisi, para a Promoción das Persoas con Diversidade Funcional da Comarca da Limia. Engádenselle a esta listaxe, as asociacións Vive Vilariño, a Sustinea, a de Familiares de Enfermos de Alzhéimer Afamo, a destinada ao desenvolvemento educativo ADEC e a cultural O Castro .

Os programas a desenvolver teñen que ver coa estruturación dunha nova economía de coidados baseada na atención centrada na persoa, a recuperación ou anovación de actividades e oficios relacionados coa produtividade da zona ou o impulso de novas iniciativas locais en materia de produción agroalimentaria de calidade e sustentable de cara á súa mellor proxección e posición no mercado. Ademais, tamén se valorou que as intervencións procurasen o recoñecemento e posta en valor da riqueza medioambiental, patrimonial ou turística da localidade onde se executen. De igual forma, priorizouse aqueles proxectos que buscasen implantar novos modelos dixitais ou tecnolóxicos que atendan as necesidades da zona ou que permitan mellorar os existentes.