A Xunta destina máis de 250.000 euros ao mantemento da casa de acollida de Ourense

1 minutes read

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de revalidar o seu convenio de colaboración coa Fundación de Solidariedade Amaranta para o mantemento da casa de acollida de Ourense para mulleres vítimas da violencia de xénero, no que residiron o pasado 2021 un total de 35 persoas: 16 mulleres e 19 menores. 

O centro de Ourense é un dos sete recursos -casas de acollida, vivendas tuteladas e o centro de emerxencia (o CEMVI de Vigo)- que forman parte da Rede Galega de Acollemento pola que pasaron en 2021 un total de 114 mulleres vítimas da violencia de xénero e 89 menores.

Co convenio, dotado con 252.000 euros con cargo ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, garántese o mantemento da casa de acollida, a única en Ourense, para mulleres que sofren violencia de xénero e ás súas fillas e fillos, garantíndolles un espazo de protección e de recuperación.

A Fundación de Solidariedade Amaranta, como titular deste centro de acollida, xestiona a vivenda desde o pasado ano 2019. Desde entón deu servizo a un total de 110 persoas, 60 mulleres vítimas e 50 rapazas e rapaces menores de idade.