A Xunta destina máis de 266.000€ a melloras en dous centros educativos de Ordes

1 minutes read

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez, visitaron o CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao para anunciar a licitación de dúas actuacións unha nese centro e outra no CEIP Mesón do Vento. Ambos investimentos mobilizaran máis de 266.000 euros.

Trenor explicou que no CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao licitaranse varias actuacións por un importe de máis de 146.000 euros que permitirán instalar un ascensor, co fin dar solución á comunicación vertical no edificio principal. Ademais, a licitación contempla no edificio de educación infantil a execución dun illamento exterior continuo mediante un sistema tipo SATE en fachadas e cuberta, e a substitución de todas as carpinterías exteriores por carpintería de aluminio anodizado natural con rotura de ponte térmica e apertura oscilobatiente.

Tamén anunciou unha segunda licitación por un importe de 119.000 euros para realizar melloras no CEIP Mesón do Vento. Concretamente, está contemplada a instalación doutro ascensor no edificio principal e o pintado e a execución de SATE en parte das fachadas do edificio do comedor.