A Xunta destinará 1,5 M€ para apoiar a instalación de caldeiras nos fogares

1 minutes read

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, anunciou que a Xunta de Galicia activará esta ano 1,5 M€ en axudas para apoiar a instalación de caldeiras nos fogares galegos.

O obxecto destas axudas é apoiar proxectos promovidos polos particulares con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante caldeiras que utilicen biomasa como combustible. A contía das axudas será dun 50% cun máximo de 8000 euros por proxecto.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou as bases desta convocatoria á que se poderán adherir, desde mañá e ata o 1 de xuño, as entidades colaboradoras interesadas. O prazo para os particulares abrirase o 1 de marzo e rematará o 29 de xuño ou cando se esgoten os fondos, xa que son axudas que se outorgarán por orde de solicitude.